jueves, 21 de febrero de 2013

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna ( en galego )

No ano 1999, a UNESCO acordou declarar o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna para promover a transmisión interxeracional dos idiomas locais e, deste xeito, a pluralidade lingüística e cultural da humanidade, á que Galicia contribúe co galego, a súa lingua propia.

Na primeira infancia –da man dos nosos pais e mestres- aprehendemos a realidade que nos rodea a través do filtro do idioma e da cultura, que, unidos, compoñen a urda sobre a que tecemos a nosa personalidade, a nosa identidade, o vestido que nos permitirá estarmos presentables, e mesmo campar, ante o mundo que nos rodea. Por iso ese primeiro idioma nos acompañará sempre, será sempre parte de nós, e estarmos orgullosos del axudaranos a sentirnos seguros de nós mesmos.

Quen teña como primeira lingua o galego ben pode, de feito, gabarse del. Non hai idiomas pequenos nin insignificantes, todos son un tesouro a través do que podemos expresar os nosos pensamentos e sentimentos, pero o galego satisfará tamén as expectativas de quen busque unha utilidade plasmada en cifras: hai aproximadamente 6000 linguas no mundo e o galego ten máis falantes ca 5864 delas e máis presenza en internet ca 5963 deses idiomas. É unha lingua vital e, en termos relativos, maioritaria.

As familias galegofalantes non deben ter medo de educaren os meniños na lingua coa que máis intimamente se poderán comunicar con pais e avós. Valorar e defender o propio non exclúe o respecto e o interese polo resto. O galego non será un impedimento, senón unha base segura, para aprender outras linguas, coma o castelán ou o inglés.

As familias que non falen habitualmente o idioma propio de Galicia tamén poden contribuír a defender a lingua que é patrimonio de todos os galegos cunha actitude positiva cara a ela e cara á súa promoción e mais con cancións, xogos, libros... que permitan que o galego teña presenza dende os primeiros momentos no fogar.



Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, con motivo do Día Internacional de Lingua Materna 2013:

O Día Internacional da Lingua Materna é unha excelente ocasión para subliñar
a importancia que teñen as linguas para a identidade dos grupos e das
persoas, como base da vida social, económica e cultural.
O plurilingüismo constitúe unha forza e unha oportunidade para a humanidade.
Encarna a nosa diversidade cultural e fomenta o intercambio de puntos de
vista, a renovación das ideas e a ampliación da nosa imaxinación. O diálogo
verdadeiro pasa polo respecto ás linguas, e por este motivo a UNESCO traballa
para promover a utilización dos idiomas como motor do entendemento mutuo.
Alentamos o ensino na lingua materna, que permite loitar mellor contra o
analfabetismo e contribúe a unha educación de calidade. A protección das
linguas garante tamén a salvagarda e a transmisión dos saberes singulares ou
autóctonos. Pode ser a vía para dotar a todas as persoas dos medios para
facerse oír e para facerse respectar, e é unha forza de inclusión social.
Este ano, a UNESCO decidiu examinar os lazos entre a lingua e o libro. Os
libros son unha forza de paz e de desenvolvemento que hai que poñer ao
alcance de todos. Son tamén ferramentas esenciais de expresión que
participan no enriquecemento das linguas, ao tempo que preservan a pegada
da evolución das linguas no transcurso do tempo. Na época das novas
tecnoloxías, os libros seguen sendo instrumentos preciosos, manexables,
resistentes, prácticos para o intercambio de coñecementos, para a
comprensión mutua e para a apertura ao mundo. Son piares das sociedades do
saber e están á vangarda da promoción da liberdade de expresión e da
educación para todos.
A vitalidade das linguas depende tanto da palabra compartida polos falantes
como da produción abundante de material pedagóxico e de textos impresos.
Nalgúns países, a falta de libros e de manuais escolares escritos nas linguas
locais constitúe un obstáculo para o desenvolvemento e para a inclusión social.
É tamén de feito unha privación elemental do dereito á liberdade de expresión.
As ferramentas dixitais permiten en ocasións suplir esta carencia, mais non
abondan, e debemos facer todo o posible para garantir unha difusión máis
equitativa dos materiais e dos libros que todas as persoas, sobre todo os
nenos, poderán ler na lingua que elixan, incluída a súa lingua materna.
Facilitarmos estes recursos é unha forma de acelerarmos o cumprimento dos
obxectivos da Educación para Todos ata 2015. Tamén é importante a tradución
ao servizo desta grande empresa, xa que tende pontes cara a novos públicos.
Nesta 14ª celebración do Día Internacional da Lingua Materna, fago un
chamamento a todos os asociados da UNESCO, aos autores e aos docentes
de todo o mundo, nas universidades, nas cátedras e nas escolas asociadas,
para que colaboren a prol do recoñecemento da importancia da diversidade
lingüística e cultural e da educación na lingua materna.

No hay comentarios:

Publicar un comentario